12/02/09

2º día. Ben movidos


Visitaremos o Centro de Interpretación Aquae Querquennae (foto suprimida: Commentariola) e o campamento romano de Aquis Querquennis. Ese museu interactivo axudaranos a entender o mundo romano e, en especial, a Vía XVIII, que "onte" pisamos, así coma o campamento e villa romana existentes aquí, a poucos metros. Nas proximidades da villa, restos de augas quentes, Os Baños.

Despois iremos en autobús ao encoro de Maus de Salas e visitaremos dúas antas ou dolmens, as dúas mellores das moitas mámoas e antas que había neste planalto: a Casiña da Moura e a Casola do Foxo. Polo menos 5.000 anos atrás. Case nada!
Mirando cara á montaña,
veremos os Cornos de Fontefría, a montaña do Xurés con forma de serra. Por alí andaremos máis tarde.

Volta ao autobús para que nos "pase da Raia". Tourem é unha aldea xeitosa e o seu forno comunitario, todo en pedra, unha auténtica xoia. Aquí á beira, na parte galega, estaba o Couto Mixto, que durante séculos se autogobernou, foi totalmente independente, tanto de España coma de Portugal.

Máis adiante,
e tamén máis alta, está Pitoes de Júnias. As súas casas están apretadas e preparadas para o duro inverno.
Hai unha ruta que leva
a un vello mosteiro e a unha interesante fervenza, mais nós aí non iremos.
Botaremos a andar por unha pista de terra cara ao norte, camiño a Requiás (Galiza), cara a Portela de Pitoes (a 1.195 m).
Curiosamente aquí no medio da raia está unha mámoa. Os picos da montaña e estes restos históricos serviron de marca para trazar a "raia seca".





Paramos, descansamos para coller novos folgos
e dirixímonos cara ao Oeste, cara aos picos de Fontefría. Faremos un km por esta alta montaña, a un lado e outro da raia; uces e carqueixas aos nosos pés e alzados e ben erguidos os picos da montaña que o duro granito impediu rebaixar. Veremos por aquí a cabra montesa e o garrano? A ver se temos sorte! Avistados ou non estes animais a vexetación e paisaxe son distintas e, se nos cadra ben a época de floración, veremos a montaña con moito colorido e plena de cor. Os penedos redondeados sobresaíndo de un manto rosa das uces.

Disfrutaremos da paisaxe e, logo, desandaremos este tramo ata a Portela.
Baixaremos por unha pista asfaltada uns 4 km parando nunha poza de cría usada polo parque, desviarémonos un pouco ata unha fervenza (tamén chamada Fecha) e veremos uns muiños á beira da estrada. Na baixada, teremos á nosa fronte unha paisaxe marabillosa co encoro de Maus de Salas centrando a nosa mirada.


Volta ao albergue.

Sem comentários:

Enviar um comentário