26/02/09

Portela, paso na montaña

Portela vén de "porta" e indica un paso entre montañas, un lugar un pouco máis baixo na montaña que é aproveitado como camiño para atravesar esa serra.

Nesta saída pasaremos por 2 "Portela". A ver se es quen de dicir cales son?

Tamén aquí en Mos hai unha Portela. Cal é?

Tedes unha semaniña enteira, non máis, para responder.

19/02/09

Buscando , buscando

Toca buscar e responder. Para buscar, a ver como estás de agudeza e enxeño; para responder, utiliza "comentarios" (responde e engade o teu nome ao final, previsualiza e envía o comentario).

Que augas termais quentes imos ver e tocar?

Tedes 10 días, xustiños.
Non te apures, pero non tardes.

18/02/09

2 máis 1

Capela de San Miguel de Celanova e mosteiro

O terceiro día faremos máis km; menos mal que a andar son pouquiños. Así que calma, que vai gustar e non nos vai rebentar.
Primeiro colleremos rumbo ao norte, guiados polo que na noite nos marcou a estrela polar; antes de rematar o día e que a noitiña chegue, ao oeste.

Foto da fachada do mosteiro de Celanova: http://pe.kalipedia.com/kalipediamedia/lenguayliteratura/media/200704/18/literaturauniversal/20070418klplylliu_389.Ies.SCO.jpg

Nesta viaxe ao norte haberá paradiñas: unhas longas, outras curtas. Pararemos detidamente en Celanova para ver o seu mosteiro de S. Salvador. Foi fundado por S. Rosendo, hai máis de 1.000 anos. O actual edificio é antigo e interesante, pero non tan antigo, é barroco. O barroco foi o estilo artístico propio dos s. XVII e primeira metade do XVIII.

Neste claustro* do mosteiro de Celanova vese claramente as características do barroco: uso de espirais como adorno, frontóns partidos, orelleiras nas portas e fiestras... É un bo exemplo de esta arte.
*Un claustro de un mosteiro é un espazo pechado formando un patio interior. Estes claustros proceden da antiga casa romana, que tamén tiña un patio interior e un corredor arredor do patio que organizaba as distintas habitacións.

Iremos á antiga horta do mosteiro. Aí consérvase unha capeliña para rezar moito máis antiga có mosteiro; é do s. X, de estilo mozárabe. Unha xoia! Parece un xoguete do mosteiro.


Máis información de S. Miguel de Celanova na rede: romaniconagallaecia.blogspot.com/2008/02/orat...

Tamén visitaremos a fermosa aldea de Vilanova dos Infantes, a pouca distancia de Celanova
centros.edu.xunta.es/iesaslagoas/galeria/disp.

No alto, a torre que queda do antigo castelo; ao redor, o burgo, coas casas de pedra ben dispostas e unha fermosa praza. Visitaremos o castelo. Ata aquí paséase en procesión a mediados de setembro a Virxe do Cristal, a santa máis pequeniña que teñas visto, e uns danzantes (antigamente todos homes, hoxe case todas mulleres) bailan ao redor da redonda unha danza específica de esta festa.


A seguinte parada, e prolongada, será en Ourense, a cidade. Veremos a catedral: porta sur, pórtico do paraíso, cimborio, porta norte...; a parte vella e monumental; As Burgas (volvemos ás augas cálidas); cruzaremos a pé a Ponte Vella (romana e medieval) e a nova que ves na foto, a do Milenio (subiremos con xeito por ela); pasearemos pola beira do Pai Miño, pasando por ondas as termas da Chavasqueira e iremos dar as de Outariz. Aquí na parte libre, bañaremos, aproveitando esas augas, outra vez cálidas, medicinais e naturais, repoñedoras da pel e do stress.

Ponte do Milenio e outras : www.jorgetutor.com/.../ourense/ourense1.htm


Máis:
Catedral de Ourense.
upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/d/d9/C...

Foto do Pórtico do Paraíso:
www.panoramio.com/photos/original/11230786.jpg

Termas de Outariz:
termasoutariz.blogspot.com/
https://blogger.googleusercontent.com/img/b/R29vZ2xl/AVvXsEhmFD3Dtp1FZd-RHGvlLjL5NSXGAva-NMbwYAIT25QX9PGZ-SpuF_pvyNYNEPD1tqbG9ML79hA7GIG1b5vnPAaKtR3d6K7TbP164FwWNcvK3cGpUFHMXFBR1AGaxGl-t6H4eVchLWPVp0M/s1600-h/ruta+termal.jpg




14/02/09

Albergue de O Corgo

Durmir as 2 noites no albergue de O Corgo (Muíños), á beira do encoro de As Cunchas.
Non está feito, pero isto é o que de partida nos interesa. Ás beiras do encoro das Cunchas, a pouca distancia de Mugueimes, capital do concello de Muíños, hai unhas instalacións de recreo, deportivas e de lecer moi xeitosas dentro do que nós por prezo podemos aspirar. Aí hai un albergue con moi bo aspecto e con cuartos de distinto tamaño que nos poden permitir facer grupos, unha residencia e un cámping; todo a moi pouca distancia uns de outros e co encoro a un paso. Permiten pasear, xogar, estar a gusto... dentro de un entorno ben coidado e coa natureza dándolles a man. Non hai máis que pedir. Nós decantámonos polo albergue, tendo en conta o mes (imos a fins de maio) e o alumnado.
Agardamos ver resultados dos contactos.

Tedes información do albergue, cámping e arredores en:
www.concellomuinos.com
www.panoramio.com/photo/235727
geo.ya.com/lobios/albergue_entrimog.htm
flickr.com/photos/manelou/1472994937/

13/02/09

Construiremos a nosa aprendizaxe

Pasarémolo ben e traballaremos construíndo a nosa aprendizaxe. A través de algunhas preguntiñas (agardamos que ben dirixidas) resolveremos diversas propostas. O saber está na nosa cabeza; temos que saber sacalo fóra e facelo útil.




Coñeceremos vexetais, o solo, a historia... en contacto con ela.

Non apañaremos nada; é un parque.











Camiñaremos por camiños moi pisados e de longa historia, camiños vellos e outros novos.
Por paisaxes fermosas, únicas.

Faremos no camiño a nosa historia.

NÓS... XUNTOS!

12/02/09

2º día. Ben movidos


Visitaremos o Centro de Interpretación Aquae Querquennae (foto suprimida: Commentariola) e o campamento romano de Aquis Querquennis. Ese museu interactivo axudaranos a entender o mundo romano e, en especial, a Vía XVIII, que "onte" pisamos, así coma o campamento e villa romana existentes aquí, a poucos metros. Nas proximidades da villa, restos de augas quentes, Os Baños.

Despois iremos en autobús ao encoro de Maus de Salas e visitaremos dúas antas ou dolmens, as dúas mellores das moitas mámoas e antas que había neste planalto: a Casiña da Moura e a Casola do Foxo. Polo menos 5.000 anos atrás. Case nada!
Mirando cara á montaña,
veremos os Cornos de Fontefría, a montaña do Xurés con forma de serra. Por alí andaremos máis tarde.

Volta ao autobús para que nos "pase da Raia". Tourem é unha aldea xeitosa e o seu forno comunitario, todo en pedra, unha auténtica xoia. Aquí á beira, na parte galega, estaba o Couto Mixto, que durante séculos se autogobernou, foi totalmente independente, tanto de España coma de Portugal.

Máis adiante,
e tamén máis alta, está Pitoes de Júnias. As súas casas están apretadas e preparadas para o duro inverno.
Hai unha ruta que leva
a un vello mosteiro e a unha interesante fervenza, mais nós aí non iremos.
Botaremos a andar por unha pista de terra cara ao norte, camiño a Requiás (Galiza), cara a Portela de Pitoes (a 1.195 m).
Curiosamente aquí no medio da raia está unha mámoa. Os picos da montaña e estes restos históricos serviron de marca para trazar a "raia seca".





Paramos, descansamos para coller novos folgos
e dirixímonos cara ao Oeste, cara aos picos de Fontefría. Faremos un km por esta alta montaña, a un lado e outro da raia; uces e carqueixas aos nosos pés e alzados e ben erguidos os picos da montaña que o duro granito impediu rebaixar. Veremos por aquí a cabra montesa e o garrano? A ver se temos sorte! Avistados ou non estes animais a vexetación e paisaxe son distintas e, se nos cadra ben a época de floración, veremos a montaña con moito colorido e plena de cor. Os penedos redondeados sobresaíndo de un manto rosa das uces.

Disfrutaremos da paisaxe e, logo, desandaremos este tramo ata a Portela.
Baixaremos por unha pista asfaltada uns 4 km parando nunha poza de cría usada polo parque, desviarémonos un pouco ata unha fervenza (tamén chamada Fecha) e veremos uns muiños á beira da estrada. Na baixada, teremos á nosa fronte unha paisaxe marabillosa co encoro de Maus de Salas centrando a nosa mirada.


Volta ao albergue.

09/02/09

Ruta Corga da Fecha

Miliarios da Ponte Nova en Torneiros (Lobios). Collemos folgos, bebemos, comemos algo e partimos. Neste lugar concentráronse moitos dos miliarios atopados na zona. Aquí non debía estar ningún, non é milla.

Botamos a andar. Suave costa abaixo. Ás beiras, algunhas sobreiras e érbedos, máis propios da vexetación mediterránea ca atlántica; aquí non son raras. A antiga vía romana, unha auténtica autoestrada para aquela época, de uns 7 metros de largura(ancho), deixárona en pouco máis de metro e medio cando axeitaron esta ruta; non dá idea do que era, mais... éche o que hai! Polo menos é cómoda para andar e vai por onde ía a orixinal.
Máis adiante veremos bolos de granito repousando nas beiras da vía.







As augas da Corga do Fecha baixan a pinchos. Rápidas e bravas; por veces mansiñas para repoñerse nas diversas pozas. O desnivel é moi grande e as augas desplómanse nunha sucesión de fechas ou fervenzas e pequenas pozas. Nós subimos agora unha boa costa. Dámos a volta e vemos o val do río Caldo cara ao Limia. Ao norte da Corga do Fecha hai un paredón de granito. Aproveitando as fendas entre a dura pedra creouse un bosque de sobreiras (árbore perenne da familia do carballo) nun terreo ben difícil para calquera especie.

Nós subimos, dá traballo, parece que agatuñamos polo carreiro arriba. Adentrámonos no monte raso de carqueixas e carpazos. Imos vendo novas fervenzas, as vistas do val do Caldo fanse espaciosas e lindas. A baixada de esta costa non preocupa, vai ser moito máis doada.







Un bonsai nunha peneda
















Arrastre e deposición de grandes pedras. Leito escavado na dura peneda.
A ver se percibes un filón vermello no medio de este granito.














Aquis Originis. Restos da "villa" rural e "mansio" romana que daba servizo aos viandantes que pola Via XVIII pasaban.
Zona balnearia ( a que temos á vista) e cociña.
O gran Vitrubio recomendaba estas dúas zonas para as boas casas de campo romanas.
Chama a atención o "hippocaustum" para aquecer con piso case un metro por riba e asentado en arquiños de medio punto.

Do outro lado do val, os socalcos do lugar de Torneiros. Aí, os antigos agricultores tiveron que facer uns valados e encher
de terra, achanzar o interior para poder producir máis. Modificaron a montaña, o seu espazo, para mellorar.






Chegamos ao fondo do val, despois de pasar o balneario. Unha bañeira de auga quente natural, moi medicinal. Metemos aquí os pés... ou algo máis.

Xa os romanos utilizaron estas augas pois cando fixeron o balneario apareceu unha ara romana adicada ás ninfas.
O río Caldo ("cálido") baixa arrastrando
moitas pedras redondas, despois de dar moitas voltas e rozando con canto atopaban ao paso. Á beira de esta piscina sae bafo; a auga quente vai ao río.

Unha área recreativa ben coidada permítenos repousar. Merecemos un descansiño. Claro que o merecemos.

08/02/09

Hai camiños que apetece facer

Mata da Albergaria

O mellor bosque atlántico do Parque Nacional Peneda-Gerês e da futura Reserva da Biosfera Xurés-Gerês







Miliarios a cada milla. Millas marcadas coa maior cantidade de miliarios xamais vista. Vía Nova romana, Vía XVIII, coñecida polos portugueses coma "A Geira".








Pontes (romanas) brincando por riba das augas dos ríos. Ríos bravos arrastradores de pedras, redondas a por de dar voltas, e areas descansando nos remansos. Pontes romanas, só sexan nos arrinques ou en todo o seu paramento. Pedras traballadas polo pico e ben dispostas co célebre proceder romano de almofadillado.











Ríos de augas cristalinas. Verde esmeralda.

Augas que rebrincan polas penedas e pousan calmas nas pozas.




Vía que se fixo Camiño e que viu por aquí pasar a raíña Isabel na súa peregrinaxe camiño de Santiago de Compostela. Camiño da Raíña Santa.


05/02/09

Construíndo o noso camiño



Caminante, son tus huellas
el camino y nada más;
caminante, no hay camino,
se hace camino al andar.

Al andar se hace camino
y al volver la vista atrás
se ve la senda que nunca
se ha de volver a pisar.

Caminante no hay camino
sino estelas en la mar...




Como dixo o poeta Antonio Machado
, castelá aínda que descendente de galego, cada un de nós temos que buscar e construír día a día, hora a hora, paso a paso, o noso camiño, esa liña ou ruta que queremos seguir e tomar.
Facendo camiño. O teu, o meu... O NOSO.


A ver se somos quen de atopalo... e seguilo.
Cando o teñamos conquerido, teremos moito andado!

03/02/09

Presentación detallada ás nais e pais


Na xuntanza a principio de curso coas familias "soltamos" a idea do que pretendiamos facer e por que; tamén informamos que vos convocariamos outra vez nese trimestre para falar do tema. Polo de pronto, como non, estamos a cumprir; o martes, 16 de decembro, presentación oficial do que queremos facer e que colaboración de nais e pais pedimos.

Ese día presentamos este proxecto bastante detallado ás nais e pais. Houbo algúns problemas coas presentacións feitas co Open Office Impress, que non respondeu como é debido; mais a idea do que se pretendía, como e a onde quedou plasmada claramente. Ao remate 3 membros das familias (mamá de Samuel Diéguez Docampo, papá de Belén Soto Vázquez e papás de Joaquín Campo Carballido) prestáronse a colaborar máis decididamente cara a conseguir subvencións, transporte e albergue en Muíños.
O 20 de xaneiro aproximamos máis as ideas e definimos perfectamente os traxectos e horarios entre estes tres membros e os dous titores de 6º nunha nova xuntanza. Queda traballar e agardar logros. O 17 de marzo, martes, ás 17:30, volveremos xuntarnos para dar un paso máis adiante. Haxa sorte!