Botamos a andar. Suave costa abaixo. Ás beiras, algunhas sobreiras e érbedos, máis propios da vexetación mediterránea ca atlántica; aquí non son raras. A antiga vía romana, unha auténtica autoestrada para aquela época, de uns 7 metros de largura(ancho), deixárona en pouco máis de metro e medio cando axeitaron esta ruta; non dá idea do que era, mais... éche o que hai! Polo menos é cómoda para andar e vai por onde ía a orixinal.
Máis adiante veremos bolos de granito repousando nas beiras da vía.
As augas da Corga do Fecha baixan a pinchos. Rápidas e bravas; por veces mansiñas para repoñerse nas diversas pozas. O desnivel é moi grande e as augas desplómanse nunha sucesión de fechas ou fervenzas e pequenas pozas. Nós subimos agora unha boa costa. Dámos a volta e vemos o val do río Caldo cara ao Limia
Nós subimos, dá traballo, parece que agatuñamos polo carreiro arriba. Adentrámonos no monte raso de carqueixas e carpazos. Imos vendo novas fervenzas, as vistas do val do Caldo fanse espaciosas e lindas. A baixada de esta costa non preocupa, vai ser moito máis doada.
Un bonsai nunha peneda
A ver se percibes un filón vermello no medio de este granito.
Aquis Originis. Restos da "villa" rural e "mansio" romana que daba servizo aos viandantes que pola Via XVIII pasaban.
Zona balnearia ( a que temos á vista) e cociña. O gran Vitrubio recomendaba estas dúas zonas para as boas casas de campo romanas.
Chama a atención o "hippocaustum" para aquecer con piso case un metro por riba e asentado en arquiños de medio punto.
Do outro lado do val, os socalcos do lugar de Torneiros. Aí, os antigos agricultores tiveron que facer uns valados e encher de terra, achanzar o interior para poder producir máis. Modificaron a montaña, o seu espazo, para mellorar.
Chegamos ao fondo do val, despois de pasar o balneario. Unha bañeira de auga quente natural, moi medicinal. Metemos aquí os pés... ou algo máis.
Xa os romanos utilizaron estas augas pois cando fixeron o balneario apareceu unha ara romana adicada ás ninfas.
O río Caldo ("cálido") baixa arrastrando moitas pedras redondas, despois de dar moitas voltas e rozando con canto atopaban ao paso. Á beira de esta piscina sae bafo; a auga quente vai ao río.
Unha área recreativa ben coidada permítenos repousar. Merecemos un descansiño. Claro que o merecemos.
Sem comentários:
Enviar um comentário