23/04/09

Vaca cachena


A nosa aprendizaxe farémola nós mesmos.

Os mestres parecen que pintan menos (pobriños! Non se lles pode dicir iso); mais realmente acrecentan a súa importancia. Crean situacións, algunhas veces fóra, de interese para nós e para as distintas materias de ensino, e... nós buscámoslles solución.

Dese xeito é como aprendemos. Con casos reais.

Algunhas veces traballamos con metros, calculadoras... sobre o terreo.

Outras cómpre buscar información... ou actividades de diversas asignaturas, e facémolo
sobre todo na gran "rede" ou internet.



Toca agora unha de busca e selección de información.


Pode ser en grupo ou individual.

E responder... claro, escribindo ben.










A vaca cachena é unha especie de vaca linda, moi curiosa e simpática. É moi tranquila e nada agresiva, mais cando a temos diante ... mete algo de respecto e impón moito.
O que ten de escasa en certas partes está sobrada noutra!

É unha vaca autóctona que houbo desaparecer (estivo a piques de extinguirse) e hoxe estase a recuperar. O mellor de ela é que é resistente e que se adapta moi ben ás zonas montañosas.

Onde máis abunda é na parte occidental do parque do Xurés (por Olelas...).


Dános 2 características físicas de esta raza bovina.



17/04/09

Foi antonte



Entre Marco Polo e o deseño holandés
Divertímonos e aprendemos en Vigo



Noelia Cabaleiro, Eva L.Riveiro e Carmen Veiga/Redacción Onte os alumnos de 5º e 6º fomos de excursión a Vigo. Fomos ver unha obra de teatro chamada “Marco Polo”. Foi moi entretida.


Despois fomos ao centro comercial “A Laxe”: merendamos na terraza e sacamos algunhas fotos.

Cando rematamos fomos á Fundación “Pedro Barrié de la Maza”. Vimos moitos obxectos de arte holandés; eran moi interesantes.
Despois déronnos un rectángulo en 3D, para que fixeramos un banco que tivera relación coa
natureza e con dúas utilidadades.

Quedaron moi orixinais.







Volvemos ao colexio en autobús
e algo cansos,
pero contentos.















16/04/09

Punto de vista



As cousas poden ser ben distintas segundo os ollos con que as miremos:
grandes coma Sandra ou pequeniñas coma Noelia.

Así lle pasaba ao Marco Polo do teatro que onte vimos; era "grandi" para o pai e "piccolo" (pequeno, meniño) para seu tío.

07/04/09

Máis informática ou así está ben

Dúas novas sobre a informática a nivel escolar recollidas do Faro de Vigo. A ver que che parecen.

Reino Unido enseñará a los alumnos de primaria cómo utilizar la Wikipedia 12:04 Los niños británicos aprenderán en el colegio a utilizar la enciclopedia Wikipedia, las redes sociales y asistirán, además, a clases sobre cómo administrar el dinero, de sexo o hábitos de comida saludable. Los niños británicos aprenderán en el colegio a utilizar la enciclopedia Wikipedia, las redes s
ociales y asistirán, además, a clases sobre cómo administrar el dinero, de sexo o hábitos de comida saludable. (Faro de Vigo, 26/3/09)

"Los Profesores se sienten perdidos con las nuevas tecnologías" (Faro de Vigo, 26/3/09)


Opina. Que che parece? Ben... tanto ten...

Xa sabes, faino argumentando; unha opinión sen aportar razóns ou argumentos non ten valor. Ai... pero para facelo ben hai que practicar, afacerse a dar razóns... e a actuar con razón.

Bonito queda iso de argumentar, mais hai que pensar e... dá traballiño!
Dar traballiño, si que dá; pero quen non quere quedar ben, quedar coma un campión da razón.

Veña, agardo comentarios.

27/03/09

Seguimos con animais

No Xurés había cabras soltas e silvestres, sempre esquivas, mais desapareceron. Recentemente, xa sendo parque, reintroduciron a cabra montesa nestes montes. A ver se temos sorte e as vemos subidas ás penedas ou pacendo nas uces e herbas de alta montaña.
Saberías dicir de onde trouxeron
esas cabras para aquí?
Pistas: Tamén é P. Ibérica, alta montaña (aínda máis alta) e parque.


Outro cuadrúpedo, máis alto e corpulento, sen cornamenta, tamén herbívoro, pace nos montes da Serra de Pisco e a de Fontefría. Que animal é... e que variedade dentro de el?


Hai que utilizar a rede, internet, como fonte de información. A ver que grandes buscadores/as demostrades ser!
Teñas unha ou as dúas respostas, non esquezas de escribilas aquí abaixo, en "Comentarios", e escribir ben.

25/03/09

Vai de investigación... e de opinión (razonada)



En que consiste a chega de bois?

Que che parece esa loita? Estás de acordo ou será unha "animalada"? Argumenta sempre ao dar a túa resposta.

13/03/09

Ti que é o que aquí ves?

Foto retirada

Haiche cousas que non son o que parecen; ou se cadra si, son máis do que parecen.
Confesarei: eu primeiro vin unha lúa, bonita e rechamante, que dominaba o ceo, enchía ela todo o noso ceo; despois... ai, despois vin unha rapariga, bonita tamén coma a lúa... e pensativa. Disque a rapaza estaba a soñar e, aínda hai quen di, que ela viu a fermosura.

Que lúas se ven aquí?
Por que non sempre vemos a lúa do mesmo xeito?
Gústache mirar o ceo estrelado?

Podes responder a parte ou a todas estas preguntas. Está ben facelo por partes; podemos escribir varios comentarios se así o queremos. O que si debemos facer sempre é escribir ben e claro: debe ser correcto, non conter erros ortográficos, ser claro e preciso...

07/03/09

Veremos mámoas e antas


Unha mámoa marcando distintos territorios; dúas antas dominando o encoro de Salas.

Poderías poñerlle data a estes monumentos megalíticos funerarios? Ano en que se construíron e cantos anos hai de iso.

05/03/09

Aí vai unha de Matemáticas


Non, non se trata de botar contas e dicir cantas voltas no aire (máis ben na terra) deron os nosos alumnos polo entroido. Que va! Nada de iso se pregunta... aínda que tampouco quedaba mal.
Esta vai de matemáticas, imos interpretar a escala e facer uso de ela. O primeiro que acerte ten un puntiño máis. Que puntiño, UN PUNTAZO! Imos botar a casa pola fiestra. Resposta en comentario e nome identificativo.
E para que non haxa problemas entre os dous grupos de sexto, que se uns comezaron antes... e que tal que sei eu, pois preguntiña para cada por separado.


Aí vai o de 6ºA:
Teño un mapa a escala 1:200.000 da provincia de Ourense. Mido con unha regra (medición correcta, as medicións ou son exactas ou son trapalladas) a distancia entre a Portela do Home e Muíños, onde está o albergue e a residencia onde imos durmir. Dáme 10,2 cm.
Cantos km hai entre estes dous lugares (en liña recta)?

Agora tócalles aos de 6ºB:
O mapa é o de Lobios e a escala 1:25.000. Poño a raia do "0" (cero) onde empeza a 2ª ruta (Miliarios da Ponte Nova) e o 12,8 cm cadra coa bañeira ou piscina de auga quente de Baños de Río Caldo.
Cal é a distancia a percorrermos (en km)?


Bule,
colle o lapis xa,
le con sentidiño,
sen présas,
sen pausa,

sentidiño no que fagas,

o feito faise resposta.


Agarda,

que agora tócame a min,

con xeito leo,

déixame ver o que hai.
Ai, si! Est@ si que está ben. PUNTO
PUNTO

26/02/09

Portela, paso na montaña

Portela vén de "porta" e indica un paso entre montañas, un lugar un pouco máis baixo na montaña que é aproveitado como camiño para atravesar esa serra.

Nesta saída pasaremos por 2 "Portela". A ver se es quen de dicir cales son?

Tamén aquí en Mos hai unha Portela. Cal é?

Tedes unha semaniña enteira, non máis, para responder.

19/02/09

Buscando , buscando

Toca buscar e responder. Para buscar, a ver como estás de agudeza e enxeño; para responder, utiliza "comentarios" (responde e engade o teu nome ao final, previsualiza e envía o comentario).

Que augas termais quentes imos ver e tocar?

Tedes 10 días, xustiños.
Non te apures, pero non tardes.

18/02/09

2 máis 1

Capela de San Miguel de Celanova e mosteiro

O terceiro día faremos máis km; menos mal que a andar son pouquiños. Así que calma, que vai gustar e non nos vai rebentar.
Primeiro colleremos rumbo ao norte, guiados polo que na noite nos marcou a estrela polar; antes de rematar o día e que a noitiña chegue, ao oeste.

Foto da fachada do mosteiro de Celanova: http://pe.kalipedia.com/kalipediamedia/lenguayliteratura/media/200704/18/literaturauniversal/20070418klplylliu_389.Ies.SCO.jpg

Nesta viaxe ao norte haberá paradiñas: unhas longas, outras curtas. Pararemos detidamente en Celanova para ver o seu mosteiro de S. Salvador. Foi fundado por S. Rosendo, hai máis de 1.000 anos. O actual edificio é antigo e interesante, pero non tan antigo, é barroco. O barroco foi o estilo artístico propio dos s. XVII e primeira metade do XVIII.

Neste claustro* do mosteiro de Celanova vese claramente as características do barroco: uso de espirais como adorno, frontóns partidos, orelleiras nas portas e fiestras... É un bo exemplo de esta arte.
*Un claustro de un mosteiro é un espazo pechado formando un patio interior. Estes claustros proceden da antiga casa romana, que tamén tiña un patio interior e un corredor arredor do patio que organizaba as distintas habitacións.

Iremos á antiga horta do mosteiro. Aí consérvase unha capeliña para rezar moito máis antiga có mosteiro; é do s. X, de estilo mozárabe. Unha xoia! Parece un xoguete do mosteiro.


Máis información de S. Miguel de Celanova na rede: romaniconagallaecia.blogspot.com/2008/02/orat...

Tamén visitaremos a fermosa aldea de Vilanova dos Infantes, a pouca distancia de Celanova
centros.edu.xunta.es/iesaslagoas/galeria/disp.

No alto, a torre que queda do antigo castelo; ao redor, o burgo, coas casas de pedra ben dispostas e unha fermosa praza. Visitaremos o castelo. Ata aquí paséase en procesión a mediados de setembro a Virxe do Cristal, a santa máis pequeniña que teñas visto, e uns danzantes (antigamente todos homes, hoxe case todas mulleres) bailan ao redor da redonda unha danza específica de esta festa.


A seguinte parada, e prolongada, será en Ourense, a cidade. Veremos a catedral: porta sur, pórtico do paraíso, cimborio, porta norte...; a parte vella e monumental; As Burgas (volvemos ás augas cálidas); cruzaremos a pé a Ponte Vella (romana e medieval) e a nova que ves na foto, a do Milenio (subiremos con xeito por ela); pasearemos pola beira do Pai Miño, pasando por ondas as termas da Chavasqueira e iremos dar as de Outariz. Aquí na parte libre, bañaremos, aproveitando esas augas, outra vez cálidas, medicinais e naturais, repoñedoras da pel e do stress.

Ponte do Milenio e outras : www.jorgetutor.com/.../ourense/ourense1.htm


Máis:
Catedral de Ourense.
upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/d/d9/C...

Foto do Pórtico do Paraíso:
www.panoramio.com/photos/original/11230786.jpg

Termas de Outariz:
termasoutariz.blogspot.com/
https://blogger.googleusercontent.com/img/b/R29vZ2xl/AVvXsEhmFD3Dtp1FZd-RHGvlLjL5NSXGAva-NMbwYAIT25QX9PGZ-SpuF_pvyNYNEPD1tqbG9ML79hA7GIG1b5vnPAaKtR3d6K7TbP164FwWNcvK3cGpUFHMXFBR1AGaxGl-t6H4eVchLWPVp0M/s1600-h/ruta+termal.jpg




14/02/09

Albergue de O Corgo

Durmir as 2 noites no albergue de O Corgo (Muíños), á beira do encoro de As Cunchas.
Non está feito, pero isto é o que de partida nos interesa. Ás beiras do encoro das Cunchas, a pouca distancia de Mugueimes, capital do concello de Muíños, hai unhas instalacións de recreo, deportivas e de lecer moi xeitosas dentro do que nós por prezo podemos aspirar. Aí hai un albergue con moi bo aspecto e con cuartos de distinto tamaño que nos poden permitir facer grupos, unha residencia e un cámping; todo a moi pouca distancia uns de outros e co encoro a un paso. Permiten pasear, xogar, estar a gusto... dentro de un entorno ben coidado e coa natureza dándolles a man. Non hai máis que pedir. Nós decantámonos polo albergue, tendo en conta o mes (imos a fins de maio) e o alumnado.
Agardamos ver resultados dos contactos.

Tedes información do albergue, cámping e arredores en:
www.concellomuinos.com
www.panoramio.com/photo/235727
geo.ya.com/lobios/albergue_entrimog.htm
flickr.com/photos/manelou/1472994937/

13/02/09

Construiremos a nosa aprendizaxe

Pasarémolo ben e traballaremos construíndo a nosa aprendizaxe. A través de algunhas preguntiñas (agardamos que ben dirixidas) resolveremos diversas propostas. O saber está na nosa cabeza; temos que saber sacalo fóra e facelo útil.




Coñeceremos vexetais, o solo, a historia... en contacto con ela.

Non apañaremos nada; é un parque.











Camiñaremos por camiños moi pisados e de longa historia, camiños vellos e outros novos.
Por paisaxes fermosas, únicas.

Faremos no camiño a nosa historia.

NÓS... XUNTOS!

12/02/09

2º día. Ben movidos


Visitaremos o Centro de Interpretación Aquae Querquennae (foto suprimida: Commentariola) e o campamento romano de Aquis Querquennis. Ese museu interactivo axudaranos a entender o mundo romano e, en especial, a Vía XVIII, que "onte" pisamos, así coma o campamento e villa romana existentes aquí, a poucos metros. Nas proximidades da villa, restos de augas quentes, Os Baños.

Despois iremos en autobús ao encoro de Maus de Salas e visitaremos dúas antas ou dolmens, as dúas mellores das moitas mámoas e antas que había neste planalto: a Casiña da Moura e a Casola do Foxo. Polo menos 5.000 anos atrás. Case nada!
Mirando cara á montaña,
veremos os Cornos de Fontefría, a montaña do Xurés con forma de serra. Por alí andaremos máis tarde.

Volta ao autobús para que nos "pase da Raia". Tourem é unha aldea xeitosa e o seu forno comunitario, todo en pedra, unha auténtica xoia. Aquí á beira, na parte galega, estaba o Couto Mixto, que durante séculos se autogobernou, foi totalmente independente, tanto de España coma de Portugal.

Máis adiante,
e tamén máis alta, está Pitoes de Júnias. As súas casas están apretadas e preparadas para o duro inverno.
Hai unha ruta que leva
a un vello mosteiro e a unha interesante fervenza, mais nós aí non iremos.
Botaremos a andar por unha pista de terra cara ao norte, camiño a Requiás (Galiza), cara a Portela de Pitoes (a 1.195 m).
Curiosamente aquí no medio da raia está unha mámoa. Os picos da montaña e estes restos históricos serviron de marca para trazar a "raia seca".





Paramos, descansamos para coller novos folgos
e dirixímonos cara ao Oeste, cara aos picos de Fontefría. Faremos un km por esta alta montaña, a un lado e outro da raia; uces e carqueixas aos nosos pés e alzados e ben erguidos os picos da montaña que o duro granito impediu rebaixar. Veremos por aquí a cabra montesa e o garrano? A ver se temos sorte! Avistados ou non estes animais a vexetación e paisaxe son distintas e, se nos cadra ben a época de floración, veremos a montaña con moito colorido e plena de cor. Os penedos redondeados sobresaíndo de un manto rosa das uces.

Disfrutaremos da paisaxe e, logo, desandaremos este tramo ata a Portela.
Baixaremos por unha pista asfaltada uns 4 km parando nunha poza de cría usada polo parque, desviarémonos un pouco ata unha fervenza (tamén chamada Fecha) e veremos uns muiños á beira da estrada. Na baixada, teremos á nosa fronte unha paisaxe marabillosa co encoro de Maus de Salas centrando a nosa mirada.


Volta ao albergue.